[S.S. CNT-Alliance] NOVA SECCIÓN SINDICAL EN ALLIANCE OUTSOURCING S.L.

O pasado 21 de xuño legalízase no rexistro da xunta a sección sindical de CNT Vigo na empresa Alliance Outsourcing S.L. Vigo, empresa de externalización de servizos que se ocupa da limpeza completa do Hotel Bahía de Vigo.

Neste mesmo día, a delegada da sección comunica persoalmente á empresa a creación da mesma, admitindo a empresa a legalizacion da sección, interesándose polo obxecto da mesma e amosándose receptiva a unha reunión para negociar unhas mellores condicións laborais, especialmente en canto á organización e carga de traballo diarias. Pero as palabras lévaas o vento.

A sección móntase como resposta ao inicio dun conflito entre un grupo de traballadoras e a empresa, cando se interpoñen denuncias en inspección para esixir a aplicación do convenio correspondente e momento este no que se rompe a “paz social” entre recursos humanos e as limpadoras por defender evidentes intereses opostos; así como para visibilizar a loita sindical presente e futura que terá lugar na empresa, e dar cobertura legal a accións, denuncias, protestas, reivindicacións, etc., que puideran concorrer en posibles represalias… que non se fixeron esperar.

Uns días despois, a empresa comunica a dúas compañeiras que “non lles van renovar o contrato”, compañeiras que, vaia casualidade, coinciden coas que iniciaron o conflito. Compañeiras que levan anos traballando duramente e que, de súpeto, xa non valen, tan só por alzar a voz contra estas condicións laborais de miseria.

Se a empresa pretendía amedrentanos, dende logo obtivo o efecto contrario e a resposta da sección sindical de CNT Vigo e doutras compañeiras non se fixo esperar. Un par de chamadas amosamdo a nosa rotunda disconformidade cos despidos e informando de vindeiras respotas sindicais fan recuar á empresa, quen, ao día seguinte, chama ás traballadoras para dicirlles que si lles renovaban os contratos.

Unha pequena pero importante victoria que amosa unha vez máis a forza da clase traballadora cando está unida.

Pero non nos durmimos nos loureiros. Sabemos que queda un longo camiño por percorrer e que a empresa podería estar a preparar novas tretas para saírse coa súa, pero non imos caer nin o imos permitir.

A sección sindical de CNT Vigo convoca unha asemblea de traballadoras que terá lugar en breves. Elaboraremos unha firme táboa reivindicativa que faga dos noso postos de traballo xornadas laborais algo máis levadeiras e menos penosas.

PORQUE XA ESTAMOS FARTAS, “KELLYS” DE ALLIANCE-BAHÍA EN LOITA!!!