[S.S. CNT-Alliance] INÍCIASE CONFLITO CONTRA ALLIANCE OUTSOURCING VIGO

Se es un ignorante e non sabes a que adicarte na vida, móntate o negocio de vender a soldo obreir@s a domicilio. É moi sinxelo: contratas un par de verdugos recursos humanos que fagan o traballo sucio de vender precariedade e aprovéitaste literalmente da desesperación da xente por obter un salario mensual, sen importarlles a cantidade; logo inventas un convenio (calquera papel emborronado dá o pego) e xa está, o negocio do século montado. Un chiringuito construído sobre as areas movedizas da inestabilidade e precariedade laborais que acaba por derrubarse por doquier, como estamos a asistir en todo o estado español coa rotura do silencio das chamadas “kellys”, as “ke limpamos”.

Alliance Outsourcing Vigo “contrátanos” a nosoutras, limpadoras (é a verdade, somos todas mulleres; admiten homes, pero non se presentan), para o servizo de limpeza do Hotel Bahía de Vigo, tanto a limpeza de habitacións, como a de zonas comúns; un traballo esgotador (quen máis quen menos temos unha recua importante de contracturas, tendinites…. acumuladas), estresante, pouco valorado e, por suposto, nada respetado na sociedade. Na merda que limpamos… así nos convertimos.

E isto reflíctese xa non só nas condicións laborais do día a día, precarias igual ca en moitos outros sectores, senón incluso nos propios convenios que regulan o sector, establecéndonos, por exemplo, as categorías profesionais inferiores e os salarios case mínimos.

Aínda que…. para o caso que nos atañe, o NON-CONVENIO, haha. Resulta que Alliance Outsourcing SL, alá polo 2013, inventa en Madrid, en conivencia co comité de empresa da UGT, un convenio de empresa de ámbito estatal sen contar coa delegación de Vigo recén aberta e, para máis inri, un convenio que pouco ou case nada melloraba o estatuto dos traballadores. Ao ano seguinte, o mesmo sindicato UGT denuncia este convenio que eles mesmos auparan, e que é anulado por sentenza xudicial por asinarse no ámbito estatal cando a competencia daquel comité de empresa só era a nivel local de Madrid (non houbera eleccións sindicais en Vigo). Un escándalo!

Pero Alliance Outsourcing Vigo decide ignorar estes feitos e seguir intentando aplicar esta merda de acordo até a actualidade. E dicimos intentando porque nin sequera aplican o seu propio e retrógrado convenio, non polo menos nas partes que ás traballadoras nos poderían beneficiar minimamente, coma sería a escasa e irrisoria subida salarial anual, por exemplo. Vaia, a precariedade dentro da precariedade.

A lebre saltou hai pouco máis de mes e medio, cando un rumor sobre que o hotel estaba a buscar outra empresa de limpeza e que había posibilidades de que non nos subrogasen fixo saltar todas as alarmas. E, así, o conflito está servido.

Como primeira resposta, denuncia en inspección de traballo: reclámase a aplicación do convenio de hostalería, a regulación dos contratos de traballo (a maioría en fraude de lei) e a liquidación das cotas á seguridade social polas diferenzas de salario entre o convenio de Alliance e o de hostalería; que non é pouco. Estamos á espera dunha resposta oficial.

Mentres tanto, “KELLYS” DE ALLIANCE-BAHÍA EN LOITA!!!