O movemento anarcosindicalista no territorio ibérico, atravesa tempos escuros de traizón aos principios máis fundamentais do anarcosindicalismo. Tempos estes, no que este sindicato alza a súa voz para deixar claro que non cederemos nin un só centímetro no noso camiño cara á liberación da clase traballadora. Enfrontamonos a un panorama de corrupción, verticalismo e deslealdade aos ideais libertarios, a nosa decisión de autodesfederarnos da organización da que formabamos parte non é só unha resposta lóxica, senón unha declaración de principios, un grito de dignidade e resistencia fronte a quen buscan pervertir o verdadeiro espírito revolucionario do movemento libertario.
A nosa rexional, a histórica e combativa Rexional Galaica, non foi allea a esta traizón. Durante demasiado tempo sufrimos en carne propia a descomposición que agora se estende por todo o territorio ibérico: a centralización autoritaria, o abandono dos principios tácticas e fins (PTFs) que deberían guiar cada acción da nosa organización, o despilfarro dos recursos que pertencen á clase traballadora, e o noxento espectáculo dos liberados. Por se isto non fose suficiente, a vergoñosa expulsión da CNT española da AIT por impago de cotas e as manobras fraudulentas de compra de votos, revelan a verdadeira natureza daqueles que se aferran ao poder a calquera custo.
A nosa resposta a esta podremia foi clara e contundente: AUTODESFEDERACIÓN. E cando o Comité Rexional, instigador desta deriva autoritaria, se negou a tramitar o noso escrito de separación, demostraron o que xa sabiamos: o seu sistema está completamente roto. A súa reacción foi expulsarnos de forma inorgánica e autoritaria, pero non nos dobregaron, nin o farán, un acto que non fai máis que corroborar a situación insostible da Rexional.
Os nosos irmáns de loita non tardaron en seguir o noso exemplo. Proba desta insoportable realidade son os diversos escritos de autodesfederación presentados por outros sindicatos da nosa antiga Rexional, como o da CNT-AIT de Arousa, posteriormente renomeado como Sindicato Arousano Libertario (SAL), no seu comunicado “ADIÓS CNT“, ou o da CNT-AIT da Coruña, que pasou a chamarse Unión Anarcosindicalista (UA), no seu documento “Para la AIT sobre la CNT Española“. Tamén contamos co exemplo da CNT-AIT de Pontevedra, hoxe Sindicato Pontevedra Libertario (SPL), co comunicado “O Sindicato de Oficios Varios de Pontevedra abandona a CNT” que foi amplamente difundido en portais de internet. A situación foi tal que cada sindicato da nosa Rexional acabou autodesfederándose ou expulsado, como o caso da expulsión de CNT-AIT Lugo ou a autodesfederación do sindicato CNT-AIT Condado-Paradanta.. A súa saída, como a nosa, non é casualidade. É a resposta inevitable a un clima de corrupción que infecta o noso movemento.
Estes sindicatos alzaron a bandeira da dignidade e da verdadeira loita obreira, poñendo fin á súa relación cunha organización que xa non representa os valores da liberdade, da horizontalidade e da acción directa, pilares estes sobre os que se sostenta a organización dende a sua creacion en 1910.
Pero non estamos sós. Ao longo e ancho do territorio, os sindicatos que mantemos viva a chama da acción directa e da autoxestión non caemos nin caeremos na pasividade. A verdadeira forza do anarcosindicalismo non reside nas súas estruturas corruptas, senón nos traballadores organizados que non ceden aos cantos de serea do poder. Unha realidade esta, que levou a gran parte da organización a autodesfederarse ou ser expulsada de maneira forzosa do que posteriormente se chamou CNT-CIT.
Así, coa forza da nosa convicción, participamos activamente na primeira fase do congreso de reestruturación da CNT-AIT un momento histórico no que nos irmandamos co resto dos sindicatos participantes que, coma nós, manteñen o firme compromiso cos PTFs. Ese foi un primeiro paso cara a un renacemento libertario, no que reafirmamos a nosa lealdade aos ideais da AIT.
Non obstante, na segunda fase do congreso, este sindicato decidiu non participar, optando por permanecer como un sindicato de ámbito provincial, fiel á súa base, pero sen renunciar á loita nin ao internacionalismo. De dito congreso xurdiu a CNT-AIT, recoñecida pola AIT como a súa sección española e a continuación historica da CNT de 1910, e aínda que nós non formamos parte desa última etapa, mantemos os lazos de solidariedade revolucionaria con calquera sindicato anarcosindicalista que nolo solicite. Non importa se están na CNT-CIT, na CNT-AIT ou se son independentes como nós; a nosa fraternidade, internacionalismo e compromiso federalista non se romperán nunca. O espírito de cooperación e apoio mutuo que caracteriza o anarcosindicalismo segue sendo a nosa guía, e mantemos firmemente a nosa vocación internacionalista e federalista, buscando sempre a construción dun movemento revolucionario global e descentralizado, baseado na autonomía dos sindicatos e no respecto mutuo entre iguais.
A nosa loita, lonxe de verse debilitada por esta saída, refórzase e fortalécese. O anarcosindicalismo, como movemento de emancipación dos traballadores, non pode ser domado, nin corrompido, nin silenciado. A nosa vocación internacionalista permanece firme, e seguiremos estendendo a nosa man a calquera que loite pola liberdade e a xustiza. A nosa meta segue sendo a destrución de todas as formas de opresión e a construción dun mundo libre, sen xerarquías nin dominación.
Este é un momento clave para o anarcosindicalismo no territorio ibérico, pero tamén é unha oportunidade para reafirmar os nosos principios, romper coas dinámicas verticalistas e continuar a loita pola emancipación dos traballadores a través da acción directa, o apoio mutuo e a solidariedade internacional. A todos os compañeiros que aínda cren nestes valores, dicímoslles: aquí seguimos, dispostos a loitar lado a lado. Non permitiremos que os traidores ao movemento nos deteñan. A nosa loita continúa, e continúa con forza, con determinación e coa convicción de que a vitoria será nosa.
O futuro é anarcosindicalista, o futuro é noso!
¡Saúde, liberdade e anarquía!
¡Ata o triunfo total da clase traballadora!
CNT-VIGO