ROSAS BERMÚDEZ, CÉSAR (1903-1939)

ROSAS BERMÚDEZ, CÉSAR (Nerva HUELVA 1903 – Toural-Teis VIGO 3/04/1939)

César Rosas Bermúdez naceu na localidade onubense de Nerva no ano 1903. Non sabemos cando fai o seu acto de presenza en Vigo, pero, sen dúbida, tivo que ser pouco antes do ano 1932; xa que é nese momento cando podemos documentar indiscutiblemente a súa presenza na cidade como un dos grandes puntais do seu sindicato. Cesar Rosas, foi un home especialmente consecuente coa súa militancia obreira; obreiro metalúrxico, cando chega a Vigo permanece durante unha tempada empregado nas factorías de Vulcano. Afiliado a C.N.T., ao pouco da súa chegada a Vigo ingresa nas Xuventudes Libertarias locais e, algo máis tarde, na F.A.I.. O compromiso político e laboral que encarna este home afectaralle profundamente á súa vida persoal. Así perderá, durante un conflito laboral, o seu traballo como obreiro metalúrxico na devandita empresa, e a súa fama como obreiro conflitivo e loitador polos seus ideais porao na “lista negra” dos empresarios locais, que boicotearán de xeito manifesto a súa contratación de agora en adiante. Tal foi así que terá que reconverterse profesionalmente en taxista para poder seguir sobrevivindo; contando para iso cun automóbil da marca “Hudson” que a Federación Anarquista local tiña mercado, poñéndoo ao nome doutro gran loitador cenetista vigués Benito Paz Piñeiro.

Dotado ducha gran capacidade organizativa, Rosas era, dobre todo, un home de acción, como deixou demostrado en numerosas ocasións. A súa valía e as súas dotes de liderado fixeron que chegase a ocupar o cargo de “secretario xeral” da Federación Local de Oficios Varios, de vinculación claramente anarquista; así como a “Secretaría” do Sindicato de Choferes e, nese cargo, participou en diversos mitins e conferencias desenvolvidos por toda a comarca. E mesmo participou, representando á comarca viguesa, no Congreso da C.N.T. en Zaragoza. A súa vinculación co anarquismo era tal que mesmo seu domicilio estaba situado nun local sindical anarquista; no que tiñan no numero 4 da rúa de San Bernardo, e onde se reunía o Sindicato de Boteros.

Ese protagonismo sindical e a súa visceralidade á hora de actuar, fixeron que pronto puxeran os ollos nel tanto os xuíces como os mandos policiais. Polo que, cada vez que había algún altercado laboral na cidade olívica, adoitábase pensar nel como responsable; de aí que as súas visitas aos cuarteliños policiais e ás instalacións carcelarias foran continuas. Segundo a documentación policial existente, a partir de 1932, que é cando destaca o seu protagonismo na cidade viguesa, as súas entradas e saídas dos calabozos serán continuas. Así a primeira detención que nos consta foi o 9 de Xuño de 1932; baixo a acusación de distribuír uns panfletos nos que se facía un chamamento ao paro. A seguinte acusación, a finais de novembro  dese mesmo ano, será moito máis grave; xa que a denuncia que o levara a dependencias policiais é por estar involucrado na  posesión de armas e explosivos; ademais nun contexto especialmente complicado xa que apenas acababa de rematar un complexo conflito como era o pesqueiro, no que houbera moita tensión, agudizada pola colocación de diversos artefactos explosivos por toda a vila, polo que os ollos da Policía quedaron fixados neste líder sindical. Esta vez a estadía no cárcere será máis longa que no caso anterior, xa que será encarcerado na prisión provincial de Pontevedra, de onde non sairá ata xuño do ano seguinte. Segue o seu ronsel de visitas ás instalacións policiais a principios de decembro dese ano; esta vez, de novo, pola sospeita que se ten de que agocha no seu domicilio armas ou explosivos. En agosto do ano seguinte ven outra detención; esta vez asociada ao seu propio mundo laboral; xa que se lle acusa de ter organizado unha folga de taxis, e de ter, ademais, relación cunha serie de atentados contra algúns vehículos que se abstiveran de secundala. A seguinte das súas detencións aconteceu o 7 de novembro de 1934; esta vez baixo a acusación de ter participado na organización dos sucesos acontecidos un mes antes na cidade, xa que era considerado un dos principais promotores da folga revolucionaria de outubro; aínda que o pretexto ultimo da súa dentención fora ter participado nunha reunión clandestina con destacados militantes das Xuventudes Libertarias. Isto provocará un novo período privado de liberdade. Aínda queda pendente sinalar que o 24 de outubro de ano 1935 hai outra denuncia contra elo; neste caso por levar no seu taxi armas e varios cartuchos de dinamita.

Con esta longa tradición sobre as súas costas non resulta raro observar que, cando chegue xullo do 36, Rosas volva a mostrarásenos como un activo dirixente á hora de argallar estratexias para evitar a saída das tropas as rúas viguesas que, se intuía, inminente. Ao longo do dia 19, cando chegaban á vila todo tipo de rumores sobre o que estaba sucedendo no pais e, o que era mais grave, sobre o que podería acontecer, dun xeito inmediato, nos cuarteis da cidade, Rosas e varios compañeiros máis do sindicato redobraron a súa presenza por toda a vila; patrullando nos seus coches na procura de información e tentando descubrir calquera indicio que insinuase estraños movementos. Tamén tivo ocasión Rosas, mentres outros grupos de compañeiros de sindicato negociaban con socialistas e comunistas na Casa do Pobo xeitos de organizarse diante da eventual saída das tropas, en compaña doutro grupo de notables do sindicato confederal local, como José Luís Quintas Figueroa, Antonio Iglesias González ou Olegario Collazo Lago, de dirixirse ao concello para esixirlle ao alcalde Martínez Garrido a entrega inmediata de armas ao pobo para que se aprestase a defensa. Alí non conseguen ser recibidos polo alcalde, que se xustificaba en que estaba reunido, senón so puideron chegar ata Enrique Heraclio Botana, o vello líder socialista, que aceptou recibilos.

A Botana, Rosas que parece ser que é quen leva a voz cantante do grupo libertario, non só lle pide o reparto de armas. Senón que tamén lle propón o inmediato asalto ao cuartel militar do “Cárcere”, coa intención de tomar por sorpresa aos militares antes de que estes consumasen a súa traizón. Para a cal contaban coa colaboración de xentes da xuventudes libertarias locais e de afiliados do sindicato de mariñeiros de toda a ría, armado dunhas cantas pistolas e dunha boa provisión de bombas caseiras. Contaban, ademais, con dispoñer da colaboración dalgún membro da policía local. A resposta de Botana será a de chamar, telefonicamente, á Policía, para que procedese á detención dos cenetistas; pero as pistolas que ensinaban baixo as súas chaquetas os anarquistas disuádeno. Para calmar a situación e evitar un grave altercado, Botana dálles un salvoconducto, para requisar armas, así como o consello de que vixíen o que estaba pasando co acorazado “Jaime I”, que estaba, neses intres, atracado no porto. Co papel e co consello, Rosas e os seus compañeiros abandonaron as instalacións municipais.

Nesa mesma noite Rosas recibiu a  confidencia  de que o alcalde tiña ordenado á Policía practicar un rexistro na Casa do Pobo en busca de armas. Polo que temendo que a sede local do sindicato anarquista tamén fose rexistrada, Rosas acudiu, a toda presa, para poñer sobre aviso os seus , conxurándose alí a impedilo; mesmo coas armas que contaban. Mentres se desenvolvia a vixilia en tensa espera, alguns camaradas, aproveitando a pólvora que gardaban e latas de pementos baleiras, prepararon unha morea de pequenas bombas caseiras, falase de 300; ás que habería que sumar unhas 200 máis que xa estaban feitas con anterioridade; por se fose preciso empregalas.

No dramatico día 20 de Xullo a actividade por César Rosas foi especialmente intensa. Trala declaración da folga xeral para neutralizar a inevitable saída das tropas ás rúas, Rosas volveu, na compaña dun importante grupo de cenetistas, ao concello para insistir na demanda de armas. En vista de que aí non as había, seica Rosas foi un dos que dirixiu o asalto á veciña armería da “Cosmopolita”. Debido a proximidade xeografica e cronolóxica, sen dúbida debeu ser Rosas tamén testemuña directa da matanza ordenada polo capitán Carreró na Porta do Sol.

A confirmación da traizón dos militares non deixou a Rosas sen saber que facer; seica inmediatamente formou parte dun grupo que tentou asaltar, minutos despois, as instalacións da Aduana no porto, coa intención de facerse coas armas dos carabineiros que alí prestaban servizo. Fracasada esta tentativa, e tomado o centro da cidade polas tropas, Rosas decidiu retirarse cara a Teis para organizar alí a defensa da parroquia. Diferentes testemuñas colocan a César Rosas na preparación do asalto ao cuarteliño dos carabineiros de Teis (nalgunhas fontes aparece a referencia de que a instalación atacada nesa parroquia foi o posto da Garda Civil situado no barrio da Balbarda, pero este ultimo extremo non parece ser exacto, xa que todo parece indicar que, a pesar de que se falou de asaltalo, o posto da Benemérita non chegou nunca a ser atacado), na que conseguiron deter, sen ningún derramamento de sangue, aos axentes alí concentrados, así como tamén se fixeron cun pequeno arsenal; fálase incluso de ata 16 fusís e 14 pistolas, pero todas esas armas con escasa munición.

Seica tamen foi Rosas un dos que colaborou na construcción das barricadas de Teis, e un dos que organizou a súa defensa. Pero, contra o anoitecer, decidiu acudir a Lavadores con varios dos seus compañeiros, sabedor de que alí xa se estaba combatendo. Nas barricadas do Calvario será visto, ao dia seguinte, combatendo ata o último momento, man a man, co seu compañeiro de loita sindical Antonio Iglesias González. Conforme vai pasando a mañá o avance das tropas vaise amosando imparable; ademais, están esgotándose tanto as municións como os “Botes de Pementos”. De ahí que Rosas, como moitos dos defensores que aínda permanecían nas barricadas, tome a decisión de fuxir cara os montes da Madroa. Alí será testemuña do lanzamento dunha bomba por parte dun hidroavión da Base Naval de Marín, e el mesmo será un dos que acuda ata Teis en busca de axuda para socorrer aos feridos do devandito ataque aéreo.

Unha vez que é tomado o poder polas novas autoridades, César Rosas será unha das pezas maís buscadas e cobizadas por estas. De feito, o seu grande protagonismo será o responsable de que sexan publicadas contra el varias requisitorias xudiciais; tanto polas súas actuacións nos movementos iniciais do golpe, como pola súa presunta participación en diversas operacións guerrilleiras, tras as que a Policía pensaba que estaba Rosas.

Tras serlle perdida completamente a pista, unha delación chegada ao posto da Garda Civil de Teis, o día 12 de Abril de 1937, pon sobre aviso á forza armada da presenza de Rosas nunha vivenda do barrio do Toural. Na residencia do matrimonio Niebla, composto por Jose Niebla García e Ángela Iglesias Rebollar, foi detectada a presenza de tres individuos sospeitosos; de aí que se organizase un amplo dispositivo policial conformado por axentes da Garda Civil reforzados por militares armados das J.A.P. de Falanxe. A emboscada en torno á casa foi detectada polos tres “fuxidos”, que eran ademais do referido César Rosas, o seu inseparable amigo Antonio Iglesias González, e outro mais chamado Ernesto Rodríguez Vázquez, polo que procederon a agocharse no baixo da casa, cubrindo a portiña de acceso coa esperanza de que esta pasase desapercibida. Cando entrou a forza policial na casa detectaron axiña a entrada o soto; e cando procedían a entrar nel desencadeouse un tiroteo no que resultou ferido o falanxista José Fernandez de Castro. Aproveitando a confusión do tiroteo e o repregue dos atacantes, os tres proscritos emprenderon a fuxida por unha porta traseira.

Os atacantes, frustrado o seu empeño de proceder á detención dos descoñecidos, decidiron vingarse nos donos dacasa que deran acubillo a Rosas e aos seus compañeiros. Tras sacar da casa aos dous fillos menores e destruir completamente a vivenda, levaron ao matrimonio ata o solitario monte da Guía; e alí, tras mallar brutalmente neles, co pretexto de que pretenderan fuxir, acabaron con súas vidas.

Tras a detección de César Rosas no barrio do Toural de Teis volveráselle a perder novamente a pista. A Policía, durante os dous anos seguintes, só soubo del pola sua presunta vinculación con varios atracos; especialmente no caso do realizado nunha taberna de Cabral, a finais de xaneiro de 1939, no que o seu dono, coñecido polo alcume do “Meira” achou a morte, sendo Rosas claramente recoñecido polos fillos do defunto.

Tras dous anos de silencio total chegou unha información que puña a Garda Civil de novo na pista de Rosas. Esta vez era o 3 de abril de 1939 e, novamente, o lugar onde fora detectado era unha vivenda do barrio do Toural de Teis. Todo parecía indicar que no domicilio de Lucía Domínguez Eiroa estaban agochados dous “fuxidos”; así que se preparou un novo dispositivo policial, que sería moito máis meticuloso que o da vez anterior, para proceder á blindaxe do entorno do domicilio. A forza estaba composta nesta ocasión ademais de por membros da Benemérita, por forzas pertencentes ao reximiento de infantería local.

A presenza na devandita casa de Rosas e o seu acompañante, que de novo era o seu inevitable compañairo Antonio Iglesias, databa xa dalgún tempo; mantendo alí a indentidade falsa dun tal “Manolo”; un obreiro mobilizado, do que, para dar fe, mesmo levaba insignias e documentos en tal sentido. A operación de rodear a casa foi vista dende unha fiestra do primeiro piso polos dous proscritos. Parecía que podía repetirse a historia dramática da outra vez que foran sorprendidos, pero nesta ocasión as circunstancias eran outras. A pesar de que ambos estaban fortemente armados e decididos a loita, agora o cerco policial era moito máis estreito; e, ademais, xa sabían o que lle podería suceder a dona da casa que lles dera acubillo. Así que, cando a forza entrou, con suma cautela, na vivenda, dende o outro piso Rosas dirixiuse a viva voz á patrulla armada para pedirlle uns minutos e así evitar un baño de sangue, xa que estaban dispostos a todo. E que xa se comunicarían con eles por medio dunha nota.

Tras varios minutos de parlamento entre os dous asediados, estes tomaron unha grave decisión. Rosas nun par de follas dun caderno, redactou, con pulso firme, unha breve nota na que exoneraba de calquera responsabilidade á dona da vivenda, para evitarlle así futuras represalias. Feito o cal procederon a suicidarse. Rosas e o seu compañeiro decidiron que non caerían vivos nas mans das forxas policiais, e así o fixeron. Cando entraron os gardas atoparon inertes os seus corpos, tirados sobre o catre do dormitorio, coas súas mans, aínda, sostendo con firmeza as suás armas

Rexistrado en Vigo morto a causa de hemorraxia interna. Lugar de aparición do cadáver: Toural-Teis-Vigo.

 

*Extraído dos libros:

“Cen Persoaxes en torno a unha guerra” de Xoan Carlos Abad.

“Enciclopedia del Anarquismo Español” de Miguel Iñiguez.

“Anarquismo en Galiza, apuntes para unha enciclopedia” de Dionisio Pereira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CAPTCHA ImageChange Image