EN RECORDO DA FAMILIA GROSSI

Despacho nº 140, do 27.09.1929, Casellario Politico Centrale (Roma). Da Embaixada de Italia en Buenos Aires ao Ministerio do Interior (Roma)

O responsable Gazzera informa que o avogado subversivo Carmine Cesar Grossi, con data 25.06 do ano en curso, marchouse a Montevideo, xunto ao anarquista Tognetti, con motivo dunha xira de conferencias contra o goberno da nación. Grossi é perigosísimo. Hai que reforzar a vixilancia”.

EN RECORDO DA FAMILIA GROSSI

No ano 1926, o fascismo do réxime de Mussolini atenazaba Nápoles, un mal que, máis aló de Italia, ameazaba con transmitirse como a peste pola meirande parte do mundo, polo que había que combatelo con determinación.

Os ataques protagonizados polos “camisas negras” do fascio chegaron a tal punto que Carmine Cesare Grossi, nacido o 21.05.1887, quen, no entanto a súa mocedade, era xa un prestixioso avogado penalista de Nápoles, fixeron que abandonase Italia para exilarse en Arxentina con toda a súa familia. A súa compañeira, María Olandese, e os seus fillos Renato, Ada e Aurelio, aínda nenos. Tanto Cesare (todos chamábanlle polo seu segundo nome) como María eran socialistas puros, entendido isto como socialistas utópicos, despois, socialistas libertarios.

Chegaron a Buenos Aires en novembro de 1926, cidade na que vivirían durante case 10 anos. Cesare traballaría como editor e redactor no diario “L Italia do Popolo”, órgano do antifascismo italiano en Arxentina, fundado en contraposición ao xornal fascista “Il Popolo dItalia”, así como na destacada revista literaria “Nós”.

Por outra banda, formaría parte de diferentes comités e círculos antifascistas que denunciaban activamente por toda Arxentina e, mesmo, en Uruguai o réxime de Mussolini e o nacemento e expansión do nacionalsocialismo en Alemaña. Namentres, os Grossi, ademais de seguir todas as noticias que chegaban de Europa, informábanse con especial interese do que ía acontecendo no estado español e, máis concretamente, en Cataluña. Así foi como chegou o momento en que mentres o fascismo e o nacionalsocialismo campaban ás súas anchas polo continente, en España proclamouse a II República -en teoría, social e de traballadores- a consecuencia das eleccións de abril do 31. Como é de dominio común, a II República foi unha época conflitiva, infestada de erros e contrasensos que darían lugar a feitos execrables, substancialmente non diferentes aos padecidos antes da súa proclamación. Finalmente, a ala da ultradereita do Exército, co beneplácito dos demais poderes fácticos, foi propiciando un golpe de estado que estalaría na noite do 17 de xullo de 1936, desembocando nunha guerra civil na que, acorde co ideario dos seus autores, subxacería un programa perverso de xenocidio sistemático contra o pobo insumiso.

É de todos sabido que os militares sublevados contra o goberno non conseguirían os seus obxectivos coa rapidez que prevían inicialmente. En Barcelona, a partir do 18 de xullo, o pobo en armas vai paralizar esa insurrección militar, causando así mesmo o derrocamento do poder político, militar e económico do estado. O anterior, levaría a un modelo de sociedade baseado nas formulacións anarquistas e anarconsindicalistas da FAI e da CNT, que eran as organizacións que tiñan unha maior influencia no movemento obreiro, a través das cales levarían á práctica os principios inherentes ao comunismo libertario. Así, poríase en marcha un proceso de colectivización tanto no sector agrario como no empresarial, na medida en que os respectivos patróns deixaran de contar coa forza represora do estado. Moitos foron os terratenentes e empresarios que abandonaron as súas propiedades, ao perder o apoio institucional do que gozaban antes da eclosión da Revolución Social. Os traballadores mesmos van tomar as rendas dos seus lugares de traballo, pondo en práctica a autoxestión. Algúns exemplos, entre moitos outros, foron as colectivizacións dos tranvías de Barcelona, a cervexeira Damm, a Hispano-Suíza, a Camsa, etc.

OS GROSSI: DECISIÓN E SAÍDA DE ARXENTINA

Antes de pasar a facer un resumo da estadía dos Grossi en Barcelona (1936/1939) cómpre ter en conta que todos os movementos de Cesare e, tamén, os de María e os seus fillos, axiña que estes foron adolescentes, observábanse coa frecuencia e detalles requiridos pola policía política do réxime de Mussolini, a OVRA (“Organización para a vixilancia e represión do antifascismo”) con extensión no estranxeiro en todos os países que mantiñan relacións diplomáticas con Italia ou nos correspondentes centros de espionaxe coidadosamente camuflados. Existe un elevado número de fascículos, cartas e despachos respecto dos Grossi, datados desde os inicios de 1927 e ata o ano 1943, inclusive. Os orixinais están depositados no Archivio Centrale dello Stato, Roma, Casellario Politico Centrale.

De feito, e a modo de exemplo, o Fascículo nº 46, do 17/09/1936, remitido pola Embaixada de Italia en Buenos Aires, dirixido ao Ministerio de Asuntos Exteriores (Roma), ao Ministerio de Interior (Roma) e con copia por coñecemento ao Consulado de Italia en Anveres (Bélxica), di textualmente:

Comunico que, de acordo cunha información confidencial transmitida a esta Dirección de PS, o día 11 deste mes, o avogado Carmine Cesare Grossi e a súa familia chegaron a Anveres a bordo do buque belga “Pionner”, procedente de Buenos Aires. O denominado avogado levou a cabo, durante a travesía, unha activa propaganda subversiva. Os Grossi aloxáronse no Hotel Max de Anveres e parece que en datas próximas se dirixiran a España. Aínda non se sabe ben”.

Asinado: O Embaixador

(Anotación a man: Comuníquese a Nápoles)

Os Grossi – Porto Novo, Bos Aires – 11 Agosto 1936. O día da saída a Amberes (Bélxica)

A familia Grossi decidiu pór termo á súa residencia en Buenos Aires despois dunha asemblea familiar celebrada por mor das noticias que lles chegaron de España. Foi contorna ao 20 de xullo de 1936. Consecuentemente, abandonarían Buenos Aires -como xa fixeran en 1926, cando deixaron Nápoles- e todas as súas actividades, así como todo o que conseguiran na súa nova vida en Arxentina. Embarcaron rumbo a Barcelona o 11 de agosto de 1936 pasando por Anveres, cidade á que chegarían desde Buenos Aires. Desde esa cidade portuaria flamenca, desprazáronse a Bruxelas e, tras unha breve estancia, viaxaron a París en tren. Días despois, outro tren levaríaos á Rosa de Foc, onde chegarían o 30 de setembro. Tras diversas estancias en hoteis colectivizados para acoller aos combatentes voluntarios estranxeiros, seríalles concedido un piso incautado a unha familia fascista que fuxira a Zaragoza o 18 de xullo, sito no Carrer Còrcega, nº 250.

A Praza de Catalunya é como un gran porto onde atopan acollida os estranxeiros que chegan para intervir na loita da liberación de España da invasión dos reaccionarios, dos “marroquís” e dos fascistas italianos.” Cesare Grossi

Así vai nacer Radio Libertà -sita na Avinguda Diagonal, 594, no mesmo edificio no que se atopaba o Ministeri de Propaganda– Cesare Grossi dirixíaa e escribía para a emisora os textos que relataban fielmente as noticias das frontes; os feitos da guerra minuciosamente detallados e analizados. A súa filla, Ada, nacida o 10.04.1917, verbalizaba os textos do seu pai, chegando a ser coñecida como “a voz da España ensanguentada”. A emisora alcanzaba Italia, onde se escoitaba clandestinamente. Tanto é así que as autoridades fascistas deron orde de interceptar as retransmisións, pero Radio Libertà cambiando frecuentemente de horario, conseguía ser escoitada por milleiros de persoas tanto en Italia como en España, repleta de soldados ao servizo do “fascio”, pasando por Francia. Desde esa emisora, incitábase aos soldados italianos a pasarse a desertar e a unirse á loita do pobo español. É sabido que houbo numerosas desercións en España e que, en Italia, moitos se negaron a incorporarse a novas substitucións. As retransmisións provocaron tumultos en Italia e, por conseguinte, a detención e o castigo de numerosas persoas.

Os Grossi en Bélxica. Lugar desconocido. Comezos de Setembro 1936.

Entre outros feitos, Radio Libertà narrou con detalle a derrota dos fascistas en Guadalaxara, con mención especial a Cipriano Mera, indiscutible artífice da única gran batalla que gañou o II República. Este tipo de noticias que se contrapuñan ás tendenciosas e nesgadas que se divulgaban nos medios de comunicación italianos, desataron a cólera do réxime de Mussolini quen, ao cabo duns anos, vingaríase de Cesare Grossi da forma máis perversa e cruel imaxinable…

Desde Radio Libertà tamén se denunciaban os desmáns e os crimes dos estalinistas. Entre eles, o caso do asasinato de Guido Picelli, fundador de “Gli Arditi del Popolo”, comandante do “Batallón Picelli”, integrado nas “Brigadas Garibaldi”.

Cesare Grossi era amigo persoal de Guido Picelli*, a quen coñecía desde os tempos de “Le Barricate di Parma” (1922). Sabía de primeira man as amargas e desoladoras vivencias de Picelli na súa estancia na URSS e como a NKVD tíñalla xurada. De feito, o 5 de xaneiro de 1937, uns axentes de Orlov infiltrados no seu batallón tiroteárono por detrás, causándolle a morte, cando Guido estaba a montar unha metralladora na fronte de Mirabueno (Guadalaxara).

A denuncia do seu asasinato, a través de Radio Libertà, e a presenza dos Grossi no funeral de estado que se lle rendeu en Barcelona, é non só reveladora das súas actividades revolucionarias, senón, tamén, unha das claves do que lle sucedería meses despois a Radio Libertà e a Cesar Grossi, no transcurso dos “Feitos de Maio”.

Cesare Grossi, Maria Olandese e Ada Grossi formaban a delegación italiana nese funeral de estado, ao que asistiron centos de miles de persoas. Situáronse á dereita de Paolina, a viúva de Guido Picelli. Á esquerda desta, xunto a dous homes aínda non identificados, situouse Vladimir Antonov-Ovseyenko, entón Cónsul Xeral da URSS en Barcelona. Ao seis meses do funeral de Picelli, o proprio Stalin chamaríao a Moscú, utilizando unha argucia a modo de escusa. Uns meses despois de presentarse no Kremlin, Antonov-Ovseyenko, estreitamente vixiado, foi arrestado, enviado a prisión, torturado e, finalmente, fusilado en febreiro de 1938.

Fotografía do funeral de estado de Guido Picelli en Barcelona, celebrado o 7 de Xaneiro de 1937, a cal foi recollida nos diarios de maior tirada de Cataluña”.

Maria Olandese, nacida o 1.12.1889, quen tiña sido unha soprano-dramática excepcional, traballaba como voluntaria en varios hospitais, axudando aos feridos que viñan da fronte. Así mesmo, organizaba concertos neses hospitais, así como espectáculos operísticos noutros centros da cidade para os combatentes que partían á fronte ou volvían de permiso a Barcelona. A súa filla Ada, pianista e estudante de perfeccionamento de canto -soprano lírica, entón alumna de Dores Frau no Conservatorio Superior de Música de Barcelona- ou ben acompañaba ao piano á súa nai, ou ben cantaba xunto a ela cando as súas responsabilidades en Radio Libertà ou no Conservatorio permitíanlle participar. Cando era o caso, entre as dúas conseguían formar unha orquestra tamén composta por músicos combatentes tanto estranxeiros como cataláns na súa maioría.

Mentres o pai, a nai e a filla loitaban desde a retagarda, os irmáns Renato, nacido o 14.01.1916, e Aurelio, nacido o 24.01.1919, ingresaron xuntos nas filas do Exército Popular, en xaneiro de 1937, nunha unidade, de acordo coas súas ideas, na que a maior parte dos combatentes eran membros de CNT. Aurelio tivo que alterar a súa data de nacemento para poder ingresar. Aínda non cumprira 18 anos, pero os irmáns querían combater xuntos. Non concibían a idea de separarse. O maior, Renato, era violinista e estudante de enxeñaría e, o máis novo, Aurelio, estudante de piano e canto. Ambos eran radiotelegrafistas, oficio que aprenderan en Buenos Aires e que perfeccionaran en Barcelona. Por iso, destinaríanos á primeira liña con esa especialidade. Pola súa nacionalidade italiana e o seu marcado acento arxentino, cando falaban en castelán ou no seu incipiente catalán, coñecíanos como os irmáns “Tanos” (modismo arxentino usado para denominar aos italianos). Loitaron nas provincias de Málaga, Murcia, Albacete e Teruel, onde a explosión dunha bomba deixaría a Aurelio cego do ollo dereito por mor dun fragmento de metralla mentres que Renato, pola explosión próxima, caería en estado de shock. Poderían evitar esa desgraza, botando a correr lonxe de alí, pero quixeron salvar custe o que custe o equipo de radiotelegrafía. Doutro xeito, os seus compañeiros terían quedado desamparados. Foron distinguidos por ese acto de heroísmo na fronte e, unha vez, que se restableceron dos seus respectivos graves estados, continuaron combatendo en Cataluña, sempre como radiotelegrafistas en primeira liña, e, finalmente, na defensa da provincia de Barcelona.

TRAXEDIA E TRAIZÓN

Coa chegada da primavera do 37, o mes de maio vai crear un clima de convulsión na retagarda de Barcelona. Tíñanse promulgado leis progubernamentais que devolveran o poder á Generalitat e ao estado. Por outra banda, xa se incorporaran ao goberno catro anarquista da CNT: Federica Montseny, Joan García Oliver, Joan Peiró e Juan López, o que non axudou en absoluto. Ao contrario, foi unha vía propicia para a contrarrevolución e, así mesmo, para a derrota na guerra. Cabe considerar, tamén, que Largo Caballero fora forzado a dimitir e o seu posto ocupárao Negrín, probablemente o personaxe máis sinistro da última etapa do II República: o servidor incondicional de Moscú e dos seus axentes en España. Do 3 ao 8 de maio, o estado, así como a Generalitat, van recuperar todas as competencias en España, en Barcelona e en Cataluña. Presaxiábase a traxedia. Unha das primeiras medidas foi a recuperación do edificio da Telefónica – ata entón controlado por un comité formado por CNT e UXT- mediante o mandato expreso á Garda de Asalto, o que vai provocar sanguentos combates e o levantamento de barricadas por toda a cidade. Nese contexto, toda persoa considerada antisoviética formaba parte do punto de mira. Andreu Nin, fundador e dirixente do POUM, foi torturado e asasinado por axentes de policía soviética. Moscú considerábao trotskista. Non había máis que falar. Outros asasinatos brutais foron os dos anarquistas italianos Camillo Berneri e Francesco Barbieri. Ambos estiveran, o 4 de maio, na sede de Radio Libertà, colaborando cos Grossi. Foron secuestrados -a última hora da tarde do día 5, por unha patrulla duns 15 homes con brazaletes da UXT e dirixida por un “mosso d esquadra”- no piso que compartían con outras compañeiras e compañeiros. De alí, leváronos a un piso das inmediacións utilizado como “checa”. Despois, na mesma noite do día 5, leváronos á Praza de Catalunya para executalos. A continuación, dispersaron os seus cadáveres, case irrecoñecibles polas malleiras recibidas e os tiros cos que os asasinaron. En canto foi posible, deuse aviso ao compañeiro Umberto Marzocchi para encomendarlle a perigosa e dolorosa tarefa da identificación dos seus cadáveres. A Marzocchi, gran amigo de ambos, non lle coubo a menor dúbida.

O día 6, a media mañá, coincidiu a incautación de Radio Libertà co secuestro físico de Cesare Grossi por parte dunha patrulla de estalinistas. Unha chamada urxente a toda Barcelona, que correu como a pólvora por todos os estamentos da cidade, realizada por un compañeiro da radio, testemuña dos feitos (crese que foi o moi nobre e valente correspondente portugués, a cuxo cargo estaba a emisora para Portugal sita nesa mesma sede, a pesar de que este era consciente que, despois, tamén lle secuestrarían a súa, do mesmo xeito que fixeron, a continuación, coa emisora para Alemaña, a cargo dun compañeiro desa nacionalidade, tamén combatente voluntario na retagarda de Barcelona), fixo posible que se atopase e liberase in extremis a Cesare, golpeado repetidamente por opor resistencia e, con toda probabilidade, pouco antes de que o executasen. Pero non foi posible impedir que a radio quedase en poder soviético e perdese, así, o 100% do seu contido revolucionario. Os axentes de Stalin en Barcelona converteron a Radio Libertà nunha escrava axeonllada ante Moscú. Negrín, unha vez máis, tiña a oportunidade de fregarse as mans.

Eses feitos brutais non lograron alterar o espírito internacionalista, socialista libertario do cinco membros da familia Grossi. Ben ao contrario, faríaos reafirmarse na súa natural animadversión cara ao centralismo autoritario do comunismo soviético, do comunismo institucionalizado, que temía dunha maneira que podería cualificarse de enfermiza as consecuencias das colectivizacións e de calquera avance revolucionario nos territorios ibéricos, nos cales a cruel realidade era que se loitaba ao mesmo tempo tanto contra o fascismo como contra Moscú, palabras estas que os Grossi repetirían e difundirían ao longo das súas vidas, proxectándoas como pensamento encamiñado á reflexión dos feitos históricos. Ata hai pouco, Aurelio, o último dos Grossi, falecido o pasado 6 de abril, seguiría sendo o fedatario italiano dese execrable escenario. Unha perversión levada aos límites extremos do xenocidio contra un pobo heroico que estaba a loitar contra calquera forma de autoritarismo.

EXILIO, DOR E VALOR

A guerra perderíase da maneira que coñecemos ben. Os fascistas terminarían por ocupar Cataluña. Entraron en Barcelona, o 26 de xaneiro de 1939. A resistencia republicana era escasa. A cidade quedaría baixo o mando militar do xeneral Yagüe e produciríase un éxodo dunhas 46.000 persoas, prolongándose este ata o 10 de febreiro. Os postos fronteirizos con Francia serían testemuñas dun goteo constante de derrotados, feridos, de homes, mulleres, nenos e anciáns en condicións infrahumanas cuxas miradas reflectían o medo e a rabia, así como unha dor inconmensurable. Todo iso, mesturado coa fame, a miseria e a consciencia colectiva de que non existiría un retorno ao perdido.

A familia Grossi coñecería, unha vez máis, o exilio baixo os bombardeos dos avións FIAT italianos. Cando chegaron, a pé, á fronteira francesa, sería, tamén,o inicio da separación de Cesare, Maria, Renato, Ada e Aurelio. Os homes serían internados no campo de concentración de Gurs (Pireneos Atlánticos) e, as mulleres, no de Argelès-sur-Mer (Pireneos Occidentais). Neste campo, os recintos masculinos e femininos estaban separados por un aramado. Reunía un por un os requisitos dun verdadeiro campo de concentración. Era un lugar inhabitable, cruel e inhumano. Con todo, non alcanzaba o grao de perversión do campo de concentración de Gurs, o máis infame que se deu en Francia.

Gurs, une drôle de syllabe/comme un sanglot/qui ne sort pas da gorge”. Louis Aragon

(“Gurs, unha estraña sílaba/como un salouco/que non consegue saír da garganta”.)

No campo de Argelés, Ada coñecería ao seu compañeiro, o español Enrique Guzmán de Soto (13.11.1917), a través do aramado mencionado. Sen a interposición dese aramado, atopábanse só cando ela, con labores de intérprete no campo feminino, acompañaba á enfermaría, situada na zona masculina, a algunha interna. Enrique, o único español na enfermaría, recubría aí funcións de auxiliar de cirurxía. Era, entón, un estudante adiantado de medina. Fora membro das JJLL, despois da FAI e de CNT, cando foi a combater á fronte. Loitou sempre xunto a Cipriano Mera quen o chamaba cariñosamente “Quique”. Era un home moi intelixente, xeneroso e valente, que pasaría longos anos da súa vida en prisión. Ada e Enrique tiveron dous fillos, Ettore, falecido accidentalmente en 2010, e Sylvia, nove anos menor que o seu irmán, quen viría ao mundo unha vez que o seu pai saíu do Penal de Ocaña, a última dos cárceres nas que estivo. Ao longo da súa vida, Enrique lembraría con inmutable emoción que só a súa avoa materna e Mera chamárono Quique”.

Os Grossi, foron deportados a Italia desde Francia, onde o propio Mussolini puido culminar a súa vinganza contra o avogado revolucionario internacionalista Carmine Cesare Grossi, asañándose con Renato, o seu primoxénito, quen padecería para sempre a peor das represalias imaxinables. Renato, ademais de caer nun acusado estado depresivo por mor da perda da guerra, padeceu en Gurs, do mesmo xeito que o seu pai e que o seu irmán menor, Aurelio, unha infinidade de malos tratos. Nese campo, ordenaríase o seu ingreso no Hospital Psiquiátrico de Lannemezan (Altos Pireneos). De alí, foi deportado a Italia e ingresado directamente en distintos centros de experimentación psiquiátrica. Tempo despois, Mussolini recibiu unha solicitude para o traslado e confinamento de Renato a Melfi (Basilicata) onde tiñan deportado a María e a Aurelio. Unha solicitude de carácter humanitario dirixida persoalmente ao “Duce”, para que Renato puidese estar, polo menos, xunto á súa nai e irmán. A resposta foi a devolución desa solicitude, a través do Ministerio do Interior, coa palabra NON escrita a man, en maiúscula, e un M como firma. A caligrafía e a firma de Benito Mussolini, o que determinaría a inhabilitación mental de Renato Grossi.

Os documentos orixinais atópanse no Archivio Centrale dello Stato (ACS), Roma, Casellario Politico Centrale (Carta a Benito Mussolini, do 16.08.1941; ACS, Divisione dei Confinamento Politico do Mininistero degli Interni, b.722, carta ao Ministero degli Interni, do 23.12.1941).

Despois deses anos de prácticas psiquiátricas infames, a recuperación de Renato resultou imposible, a pesar de todos os esforzos e sacrificios da familia por curalo ou, cando menos, para que experimentase algunha melloría. Reducido practicamente á condición de autómata, seguiu con vida ata o 12.08.2001.

Aurelio cantando “Villanova del Battista” (Basilicata) – Febreiro 1945. O día seguinte á liberación do Campo de Melfi

Maria Olandese e Aurelio Grossi – Napoles primaveira 1945. Pouco despois da liberacion do Campo de Melfi (Basilicata)

En Italia, segundo ían cruzando esposados a fronteira con Francia, separábase aos Grossi. María pasou directamente ao confinamento en Melfi. Aurelio, ao cárcere de Poggioreale (Nápoles) e, despois, a Melfi. Cesare, ao cárcere de Poggioreale e, despois, a Ventotene.

Os Grossi – Capri – Setembro 1955

A familia Grossi non volvería reunirse ata despois do final do II Guerra Mundial. Ada, que seguira a Enrique a España, non conseguía obter visado para viaxar a Italia. Unha vez reinstaurada alí a “democracia”, o comunista Pietro Nenni, Ministro de Asuntos Exteriores da República italiana entre 1946 e 1947, quen fora brigadista na Guerra de España, denegoullo repetidamente. O seu pai logrou obtelo para Ada, a través de Enrico De Nicola, a principios do 47. Pouco despois, a mediados de marzo dese mesmo ano, con Ada e Ettore, pouco máis que un bebé, xa en Nápoles, volverían deter a Enrique en Madrid. Encarceraríano en Carabanchel e, despois, en Ocaña.

Todo aquilo que, ademais, puidese escribirse sobre os Grossi nestas ou noutras páxinas, non conseguiría relatar, por estenso e detallado que fose, as vivencias que protagonizarían. Aurelio, o último membro da familia, que nos deixou o pasado 6 de abril, aos 98 anos, era o único combatente italiano voluntario na Revolución e na Guerra de España que quedaba con vida. O 21 de decembro de 2016, recibiu da man de Luigi De Magistris, alcalde de Nápoles, o nomeamento e condecoración de Heroe da Cidade de Nápoles pola súa incansable loita a favor das liberdades en España e Italia. Atopábase acompañado da súa sobriña Sylvia, membro de CNTVigo, e do seu sobriño neto Aitor, anarquista, residente en París, fillo de Sylvia. Agora, eles dous son os únicos descendentes e testemuñas directas que quedan desa nobre familia de combatentes; aqueles que o perderon todo en prol dunha loita internacionalista pola liberdade dos pobos, da xustiza social para a devolución aos mesmos da dignidade que os estados lles arrebataron.

Este texto escribiuse coa intención de honrar á única familia estranxeira que, ao completo, combateu voluntariamente na Guerra Civil, desde os seus inicios e ata a derrota final, o que suporía a vitoria do fascismo no estado español.

Tradución ao castelán, revisión e ampliación do texto orixinal de T. F en catalán: G.A.D.-F.A.I. coa colaboración documental de S.G. e CNT-Vigo

Tradución ao galego: Esmar, S.U.R. Ponteareas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

CAPTCHA ImageChange Image