O SINDICATO DE VIGO MARCHA DA CNT
O Sindicato de Oficios Varios de Vigo, adherido á CNT, reconstruíase de novo fai 20 anos con moita ilusión e esforzo en Vigo, localidade de maior tamaño de todo o noroeste peninsular e cidade máis importante, non só en poboación, senón tamén en industria, de toda Galicia, plantando cara ao capitalismo e amosando que o anarcosindicalismo voltaba ser unha ferramenta de loita na cidade olívica; pero, por motivos alleos, este sindicato decide en asemblea o día 6 de xuño autodesfederarse da CNT.
As razóns principais polas que tomamos esta decisión son as seguintes: máis de 2 anos de ataques ao noso sindicato e demais sindicatos da rexional galaica por parte do sindicato de Compostela, que controla toda a Rexional coma un Comité Central dunha organización estalinista; e a situación vivida en toda a CNT dende a aprobación dos estatutos do X Congreso da CNT en 2010.
O conxunto de accións e omisións que nos trouxeron ata este punto é tan extenso e enmarañado que sobrepasan con creces o cometido deste comunicado. Nembargantes, e seguindo a liña comezada pol@s nos@s compañeir@s de Vilagarcía e Pontevedra, si que nos gustaría enumerar algúns puntos que supuxeron o límite polo que non estamos dispost@s a pasar:
O verticalismo e o dirixismo por parte dos comités fai semellarnos ao que sempre combatemos; a renuncia a todo principio ideolóxico que fixo que se fundase a CNT en 1910 e polo que centos de miles de afiliad@s padeceran persecución, cárcere e morte.
A expulsión de todo aquel sindicato que discrepe, coma os 7 sindicatos da rexional de Levante ou os outros tantos de Andalucía, e agora tamén os da Galiza, sen esquecer o máis que posible fraude, roubo e malversación do patrimonio da CNT polos distintos comités confederais que dende o X Congreso se sucederon o vixente sistema de votación, que fai prevalecer a toma de acordos por unha minoría de sindicatos que teñen máis afiliad@s (aínda que as súas asembleas sexan moi exiguas), obviando sempre o que nos caracteriza e se recolle nos nosos estatutos: o intento de chegar a consensos, o respeto ás opinións minoritarias e tentar conxugar nos acordos todas as posturas a merca de votos do sindicato de Compostela de CNT, falseando @s afiliad@s reais deste, coma xa denunciara no seu día o sindicato de Lugo, que, por denunciar con probas, se lle vai expulsar de forma inorgánica a utilización da Normativa Orgánica para facer política e non anarcosindicalismo nos plenos e plenarias rexionais e confederais, impoñendo os acordos tomados polos sindicatos por riba da autonomía destes (os plenos son asembleas de sindicatos e rexionais nas que toman decisións os sindicatos nos distintos ámbitos xeográficos: local, comarcal, rexional; e as plenarias son reunións de traballo para desenvolver os acordos tomados en asembleas e plenos, tamén poden ser locais, comarcais, rexionais e confederais) a total falta de transparencia ao non presentar os informes económicos o comité confederal e, cando o fan, aparecen descuadres de máis de 200.000€ (é obrigatorio, para quen non o saiba, presentar as contas sempre, como se fai ata nas Sociedades Anónimas) a deriva colaboracionista dos distintos comités e algúns sindicatos locais cos sindicatos que participan nas estruturas do Estado, ademais de partidos políticos, coma o caso do sindicato de El Puerto de Santa María, que coopera e colabora con Podemos, ou o caso da CNT de Olot, que, ademais de compartir local coa CUP, o quinto nas listas municipais por este concello é afiliado da CNT de Olot… e un longo etcétera. Iso si, quen denuncie ou critique esta realidade é un talibán que hai que perseguir como se da caza de bruxas do macartismo se tratase.
A diversidade ideolóxica pode chegar a ter cabida na CNT, pero o que nunca poderá ser é que, baixo a premisa dunha natural crítica anarquista e anarcosindicalista a certos comportamentos e xeitos de entender a Organización (por outra banda mais que lexítima), aos ser que nos facemos unha cosa tras predicar outra, sexa desfederado ou expulsado, empregando a normativa orgánica, naturalmente, pero dun xeito ruín e torticero. E a quen participa en comités de empresa, crea sindicatos paralelos, se inventa acordos de asembleas inexistentes de sindicatos que non tiveron unha asaemblea en anos… é inhabilitado 6 meses para logo poder ser elexido cargo da CNT (abraiante!!). Hai máis garantías de poder defenderse coas leis do Estado nun tribunal!!
– a aparición de “liberados” coma no caso do Gabinete Técnico Confederal, unha suposta cooperativa chamada “Primero de Mayo” e que traballa en exclusiva para a CNT. Resulta de todo inaceptable a introducción do que na práctica son liberados sindicais. E é inaceptable tanto dende o punto de vista moral coma dende o meramente económico, polo dano que supón para as finanzas dos sindicatos. Tampouco é aceptable que este ente confederal unicamente opere a instancias do secretariado permanente do comité confederal e que se atope fóra do control dos sindicatos. Non sabemos que fan cos cartos que reciben e que tod@s, independentemente de se usamos os seus servizos ou non, pagamos. O modelo organizativo da CNT achégase máis ao dunha xestoría, como ocorre cos sindicatos convencionais, e, polo tanto, ao negocio duns poucos. O peor de todo é a importancia desmedida que adquiríu o diñeiro dentro da CNT, tanto na toma de decisións como á hora de alimentar de recursos ao voluminoso e pesado entramado burocrático. Na práctica, a Organización, ademais de ser un obstáculo para a libre coordinación entre sindicatos, converteuse nun enorme xugo económico para os sindicatos, que ven como os seus recursos son drenados polas instancias superiores para costear a burocracia que todo o domina. Así é como os comités se fixeron cun tremendo poder na Organización: coa xestión duns recursos que son sustraídos aos sindicatos. O peor de todo é que os membros deste Gabiente Técnico Confederal nin sequera teñen unha demostrada experiencia laboral para levar conflitos laborais, coma a señora Rita Giráldez, que, coa carreira de dereito recén rematada e sen experiencia en dereito laboralista, está enchufada polo mero feito de ter sido secretaria xeral da regional galaica; ou o señor Perera, que non deu un pao na auga na súa vida por estar sempre ligado aos cargos da CNT, sen esquecermos do pésimo servizo xurídico que presta aos sindicatos e entes confederais. E non esquezamos tampouco ao Sr. Martín Paradelo, secretario xeral da CNT, que con insultos, descalificacións, menosprezo e unha prepotencia digna dun protofascista de manual, tratou aos afiliados de distintos sindicatos da nosa rexional en numerosas ocasións, como saben todos os que tiveron a desgraza de asistir aos plenos e plenarias onde o Sr. secretario xeral tiña a ben facer acto de presenza; esta clase de personaxe moi coñecida por colaborador nos ámbitos marxistas-independentistas e pouco ou nada nos anarquistas. Pero, finalmente, a pinga que colma o vaso, foi a inclusión de puntos para pleno rexional rexeitados pola plenaria previa onde se aprobara a súa orde do día; inclusión decidida polo ínclito Sr. secretario xeral da Rexional, Darío Señoráns (como non, membro do sindicato de Compostela)… porque si, porque el o vale, en contra do acordado pola maioría de sindicatos nesta reunión, poñendo de manifesto que a normativa orgánica só se aplica cando beneficia aos intereses do sindicato de Compostela.
E poderiamos seguir enumerando razóns e meternos en profundidade nos aspectos aquí enunciados na súa maioría, pero non queremos aburrir á opinión pública, nin filtrar documentación interna que poida ser susceptible de ser desleais cos compañeir@s e algúns sindicatos que decididen polo momento quedar dentro da CNT e tentar cambiala. Gustaríanos tamén adherirnos aos motivos que expoñen @s compañeir@s dos sindicatos de Vilagarcía e Pontevedra nos seus respectivos escritos de abandono da CNT, porque non queremos pertencer a unha Organización que se di anarcosindicalista pero os seus métodos se asemellan demasiado aos da democracia burguesa e con tintes de centralismo democrático, ao estilo de organizacións comunistas.
A partir de agora ábrese un novo tempo para o sindicato fóra desta CNT e tamén para as personas que formabamos parte dela, dentro deste sindicato local e autónomo ou fóra del. Seguiremos organizándonos para seguir loitando por unha sociedade á marxe das relacións de explotación intrínsecas ao capitalismo, facendo o que sempre fixemos: anarcosindicalismo, pero sen nos converter nunha xestoría laboral, que é hacia onde camiña a actual CNT. A asemblea do Sindicato de Oficios Varios de Vigo, aínda que fóra desta CNT, seguirá existindo coma sindicato, autónomo de momento.
Polo anarcosindicalismo, o federalismo e o apoio mutuo,
Saúde e anarquía!!