A CNT-Vigo é unha organización sindical independente (non vinculada a partidos políticos) e autoxestionaria (non recibimos subvencións de ningún tipo) á que pode pertencer calquera persoa traballadora, sen importar as súas ideas políticas ou crenzas relixiosas.
A CNT-Vigo é un sindicato diferente: a democracia directa é o noso sinal de identidade. Todas as decisións tómanse en asemblea. Non hai nin dirixentes, nin vividores, e existe plena liberdade e igualdade no intercambio de ideas, opinións e iniciativas. A nosa táctica principal é a acción directa, é dicir, a solución dos conflitos polas persoas afectadas, sen intermediarios. Loitamos polo reparto do traballo e a riqueza, contra a desigualdade económica e social.
Cremos no deseño de estratexias como factor clave para desenvolver conflitos sindicais con éxito, e proporcionamos asesoría sindical e xurídica gratuítas para a afiliación.
Na CNT-Vigo practicamos anarcosindicalismo, un sindicalismo baseado na implantación real da nosa afiliación nas empresas a través de Seccións sindicais (non participamos nas eleccións sindicais nin nos comités de empresa). Este modelo organizativo respecta a toma de decisións por parte dos traballadores, sendo o suficientemente flexible para adaptarse ao entramado empresarial.
A Sección Sindical trata coa empresa a través dun representante elixido pola mesma asemblea co fin de tratar as demandas da Sección. Esta persoa, a diferencia dos delegados do comité de empresa, non ten privilexios que o distingan do resto. A través da sección a reivindicación dos intereses e a defensa dos dereitos faise directamente, sen intermediación. Así temos a garantía de que nunca se asinarán modificacións das condicións de traballo ou calquera outro pacto sen a nosa vontade e nunca se fará unha negociación ás nosas costas. Os pactos que acade a Sección Sindical só se aplican ao persoal que forma parte dela, se ben calquera traballador ou traballadora da empresa pode adherirse a eles.