¡POR UNHAS PENSIÓNS DIGNAS! ¡NON FALTAN CARTOS, SOBRAN VIVIDORES!
Unha vez máis, se queremos que muden as cousas, temos que facelas nos, e ímolo facer. Non pararemos ata que nos dean o mínimo que pedimos, que é a subida das pensións, como mínimo, o custe real da vida, o IPC, e que suban as pensións máis baixas.
Nos os maiores, despois de toda unha vida partindo o lombo a traballar, nalgúns casos 40 ou 50 anos cotizados, e mantendo a fillos e netos no máis duro da crise destes últimos anos, sendo nos o derradeiro eslavón que parou a miseria total, quérennos facer pasar por parvos, e non o somos.
Todos sabemos que hai cartos dabondo, é obriga do estado manter un sistema de pensións públicas, como di a Constitución, e se non chega coas cotizacións dos traballadores, terán que buscalo noutras partes, porque para rescatar bancos, autopistas, pagar salarios a políticos, que se poñen o seu soldo, e os seus plans de pensións privados, hai cartos, ademais dunha morea de soldos desorbitados para os xerentes e conselleiros das empresa públicas, que cobran máis que ministros, para subvencionar a partidos políticos, sindicatos, empresarios, asesores dos políticos e unha infinidade de chupóns profesionais, para iso si hai cartos.
Pero eses que están ben mantidos con coches oficiais, dietas e viaxes en primeira clase dinos que o sistema de caixa única non ten cartos, que os que traballan agora están a pagar as pensións nosas, fixeron un sistema coas contas ben furadas no ano 1995, a sabendas de que cada vez ía haber máis eventualidade no traballo, os salarios cada vez serían máis baixos, os rapaces tardarían moito tempo en entrar no mercado laboral, con taxas de desemprego do 50% e a taxa de natalidade máis baixa, era visto que non funcionaría, e que acabaría por non haber cartos para manter as pensións, e o máis importante os bancos e as aseguradoras, poderían por fin botar a man ao gran negocio do sistema de pensións.
Nos os xubilados e pensionistas da CNT-Vigo queremos apelar a todos os cidadáns en especial aos xoves, para que saian a rúa este 17 de marzo, e cantas veces faga falta, e loiten polas pensións, non so as nosas, senón tamén as vosas, que estarán máis en perigo se cabe, porque tarde ou cedo todos seremos pensionistas e temos que defender os nosos dereitos, dereitos conquistados con moito esforzo e traballo.
Queremos rematar, facendo unha chamada a unidade de todas as organizacións, a loita é de todos, e non imos permitir que algúns queiran dividirnos nesta batalla e saquen beneficio político ou partidista.
¡POR UNHAS PENSIÓNS DIGNAS PARA TODAS E TODOS!
¡NON AO 0,25%!
¡POLO TRABALLO DIGNO E O REPARTO DA RIQUEZA!
¡ATA O TRIUNFO TOTAL DA CLASE TRABALLADORA!