POLA LIBERACIÓN DO POBO KURDO! CONCENTRACION 18/10 AS 18:30
CONCENTRACIÓN FRONTE AO XENOCIDIO DO POBO CURDO POLO ESTADO FASCISTA TURCO
Orixe do Pobo Kurdo
Segundo os antecedentes históricos os kurdos son descendente directos dos Medos, un imperio asiático da antigüidade que correspondía a rexión poboada entre o Mar Caspio e os ríos da Mesopotamia organizado coma unha federación de tribos. No ano 550 a.C. os persas, dirixidos polo rei Ciro porían fin o Imperio Medo. En resumo trátase dun Pobo con trinta séculos de historia na rexión.
Tras séculos sufrindo sucesivas dominacións os kurdos quedan inmersos no medio da loita entre o Imperio Otomán e o Imperio Persa, sendo estes incorporados ao Imperio Otomán no ano 1639. As cada vez maiores interferencias do Imperio Otomán nos asuntos do Pobo Kurdo intensificarían as tensión acadando ca derrota do Imperio Otomán na Primeira Guerra Mundial.
Ao final da Guerra ca firma do tratado de Sykes-Picot no que Francia e Inglaterra se repartiron Oriente Próximo, tivo lugar o 10 de agosto de 1920 o tratado de Sévres onde se contemplaba a creación dun estado Kurdo. Como resposta ao tratado de Sévres en Turquía o Xeral Atatürk rebelouse contra a ocupación estranxeira acadando ca firmaría do tratado de Lausana en 1923 no que quedarían sepultadas as aspiracións do Pobo Kurdo, deixando un Kurdistán desmembrado entre catro estados.
Hoxe en día os Kurdos representan a minoría máis grande de Oriente Próximo cunha poboación dunhas 40 millóns de persoas repartidas mais ou menos así: Turquía: 20 millóns (25% da poboación); Irán: 8 millóns (17% da poboación); Iraq: 4 millóns (25% da poboación); Siria: 2 millóns; Armenia, Georgia, Azerbaiyán y Kasajtán: 600 mil; Alemania e resto de Europa occidental: 2 millóns; Resto do mundo: 4 millóns.
A loita do Pobo Kurdo
Na actualidade o pobo Kurdo non só ten que lidar cos grupos islamistas extremistas coma ISIS, Al-Nusra, ou Ahrar Al-Sham, senón tamén contra o Estado Turco. O pobo Kurdo aséntase onde se atopa o 100% do petróleo turco e case a totalidade da auga potable. Tamén Siria obtén case o 100% do seu cru de terras kurdas, Iraq o 74% e Irán o 50%. É por isto que a ningún Estado nin potencia lle interesa un Kurdistán ceibe.
Despois da épica batalla por Kobane contra o ISIS e da heroica liberación de Raqqa (ex-capital do califato de ISIS), hoxe o pobo Kurdo afronta uns dos momentos máis difíciles tras a traizón de EEUU, defendéndose do Estado Turco que carga con todo o seu poderío militar como segundo exército da OTAN contra as/os milicianas/os e a poboación civil indistintamente. O Estado fascista turco de Erdogan pretende levar a cabo unha limpeza étnica na rexión ca complicidade das potencias europeas, rexionais, EEUU e Rusia. Temos que amosar a nosa solidaridade para exercer presión sobre os estados co fin de parar este inxusto xenocidio.
Rojava
O pobo Kurdo de Rojava atópase dividido en tres cantóns (Kobane, Jazira e Afrín) e organízase baixo o concepto de confederalismo democrático, no que se rexeita o centralismo, cunha economía socialista de corte local, colectivista e autoxestionada. Por toda Rojava atópanse máis de trescentas comunas, nas que os seus comités se adican aos temas educativos, de abastecemento, xustiza, autodefensa e ecoloxía. Cada comuna está á súa vez vencellada aos consellos de distrito que, como nas comunas, deben contar cunha cota dun 40% de mulleres. Os cargos electos teñen unha duración de seis meses, que á fin dos mesmos, poden ser ou non reelixidos. Continuamente celébranse asembleas populares, onde á fronte das mesmas sempre hai unha muller e un home, elixidos tamén por seis meses coa posibilidade de reemprazalos. Tamén se abriron Casas do Pobo onde discutir os asuntos máis relevantes da cidade.
As Unidades de Protección do Pobo (YPG) xunto co Comando Xeral das Unidades Defensa das Mulleres (YPJ) son as que encabezan a loita en Rojava co apoio das Forzas Democráticas Sirias (SDF), nas que a muller asume un rol protagonista e indispensable na defensa do territorio, chegando a súa presenza nas milicias a unha porcentaxe maior ao 40%. A revolución en Rojava non só vai de buscar un modelo máis xusto, horizontal e autoxestionado da sociedade, senón que tamén tenta acadar unha igualdade real a tódolos niveis.
É por todas estas razóns que debemos máis que nunca apoiar o pobo Kurdo e evitar que se siga a cometer un xenocidio indiscriminado por parte do Estado Turco xunto cos seus aliados do ISIS! Nas nosas mans está non afastar a vista dunha nova traxedia humanitaria! Nas nosas mans está non permitir ao Estado fascista Turco saír impune unha vez máis dun xenocidio como o que xa cometera contra os armenios e contra os mesmos Kurdos!
POLA LIBERACIÓN DO POBO KURDO!
ATA O TRIUNFO TOTAL DA CLASE TRABALLADORA!
#RISEUP4ROJAVA