MULLERES E OBREIRAS

POR QUE MULLERES E OBREIRAS?

Porque somos persoas que sufrimos triple explotación: por ser mulleres, por ser
obreiras, e por ser obreiras e mulleres. As mulleres traballadoras somos as que máis damos pero menos recibimos: as máis explotadas da clase obreira, as máis discriminadas entre as minorías e as máis desposuídas entre @s pobres. No ámbito laboral, vémonos sometidas a maiores índices de paro, salarios máis baixos, altas taxas de traballo a tempo parcial, as cotas máis altas de traballo somerxido e os empregos menosvalorados socialmente.
Pero esta flagrante situación non se traduce nunha alta participación e militancia  sindical. A afiliación sindical feminina é proporcionalmente máis baixa que a  masculina e a militancia activa de mulleres nos sindicatos é moi escasa. Por isto:

SOMOS ANARCOSINDICALISTAS

A violencia de xénero é inherente a este sistema patriarcal e capitalista, onde as mulleres somos propiedade privada coa que comerciar, obxectos que utilizar a gusto do consumidor: as mulleres de clase obreira somos explotadas por mulleres e homes empresari@s, somos prostituídas por mulleres e homes proxenetas, vendidas e abandonadas por mulleres e homes políticas, torturadas por mulleres e homes policía, asasinadas por mulleres e homes soldado… Non somos burguesas, nin capitalistas, nin explotadoras. Somos mulleres e obreiras!!
A cuestión de xénero debe ser revolucionaria e de clase. Superar o patriarcado non rematará co capitalismo: hai que abolir a escravitude e explotación das mulleres obreiras para botar abaixo os cimentos deste sistema capitalista.

SOMOS UN ESPAZO MIXTO

A perspectiva de xénero é unha tarefa que nos compete a toda a clase traballadora. Non poderemos rematar coa opresión se unicamente as oprimidas nos liberamos desta condición; é necesario mudar tamén a condición de opresor. Neste senso, apostamos por un proxecto emancipador e de clase que debe integrar a problemática da muller obreira, non como reivindicación a engadir, senón como fronte principal e prioritaria de loita.
Mulleres e homes habemos de construír un mundo novo no que non existan os homes nin as mulleres; habemos de crear persoas en igualdade que traballen segundo as súas posibilidades e obteñan segundo as súas necesidades. Un mundo novo no que a propiedade privada non exista, nin @s xef@s; onde non sexamos obxectos de explotación, escravitude, uso a capricho, bonecas. Un novo mundo no que as nosas parellas sexan compañeiros e compañeiras, sen ciumes nin envexas vexatorios; que nos escoiten, nos apoien e nos amen de verdade.
Un mundo novo onde decidamos en asembleas en pé de igualdade, onde opinar non requira permiso; onde dubidar e preguntar non signifiquen humillación. Un novo mundo no que os sentimentos non sexan castigados nin obxecto de burla; a nosa sexualidade respetada e compartida; a nosa maternidade voluntaria, libre, admirada. Mulleres e homes habemos de construír un mundo novo de persoas libres.


POLA LIBERACIÓN DA MULLER
POLO TRIUNFO TOTAL DA CLASE TRABALLADORA
ABAIXO O PATRIARCADO! VIVA A ANARQUÍA!

 


Mulleres e Obreiras - CNT-Vigo
Rúa Principe, nº 22 (Galerías Comerciais)
1º Andar, Local 34

MÉRCORES e VENRES
DE 18:30 a 21:00

mullereseobreiras@gmail.com
Facebook: Mulleres Obreiras