FINALIZA O CONFLITO COA “TABERNA A MINA”

CNT-VIGO Finaliza o conflito coa “Taberna A Mina”

“Prefiro pechar o bar antes de pagarlle a ese”

Estas foron as heroicas palabras dun dos socios deste antro de explotación laboral cando se lle reclamaron cantidades por un despido improcedente estando o noso compañeiro de baixa médica.

A empresa alegaba que o traballador saíra de festa estando de baixa médica e, interpretando a lei e a menciña ó seu criterio, decidiu despedilo disciplinariamente alegando causas xa prescritas e manipuladas pola empresa có fin de encubrir o motivo real do despido. No colmo da ruindade, enviouse unha baixa voluntaria ó SEPE có fin de que o compañeiro, ademais, non puidese percibir o subsidio por desemprego. Hai que ser rastreiro.

De sobra é coñecido o moralmente cuestionado proceder dos empresarios, máis o fedor desta xente deixounos sen palabras, polo que este anarcosindicato comezou a acción directa deseguida e sen dubidalo.

No transcurso dos piquetes foron moitos os conflitos que tivo que enfrontar a nosa afiliación coas hordas de progres sedentos de estrelas, polos e batalliñas estrambóticas ó máis puro estilo de cine quinqui e cañí da España máis rancia.

Algúns dos seus acólitos significábanse como profesionais liberais, sindicalistas de certo sindicato nacionalista galego e demais cortixos de vividores parasitantes da loita obreira. Berlanga tivera pagado por filmar tal esperpento carnavalesco orquestrado polo rei do polo frito da movida viguesa.

Con todo, estes “empresaurios”, despois de deixar o nome da súa tentativa de negocio polo máis noxento chan da hostalería, liquidan hoxe a débeda que tiñan có noso compañeiro, pagando ate o último céntimo que endebedaban no que podemos e debemos considerar un novo triunfo da CNT-Vigo, da solidariedade e do apoio mutuo da clase obreira.

A esta xentuza lembrámoslles que non se pode despedir a ninguén estando de baixa médica, que non tódalas baixas médicas impiden a mobilidade e que se non coñecen o Estatuto das traballadoras e os Convenios Colectivos que firman, aínda menos coñeceran os tratamentos médicos de cada unha.

O sector hostaleiro na cidade, é un caldo de cultivo para os ”empresaurios” que coma este, pretenden emprender sobre as costas de outros. A todos eles unha mensaxe clara: A CNT-Vigo non cesará na loita ata ao final vencer e demostrar que a loita polos nosos dereitos vai máis aló da débeda económica do salario que tanto nos custa gañar, é tamén a loita pola dignidade de toda a clase traballadora, que unha vez máis nos tentan arrebatar, e non nos fartaremos de dicir que a acción directa, a solidariedade e o apoio mutuo dos traballadores deste sindicato son ferramentas básicas ante a explotación laboral e a mellora das nosas condicións de vida nun mundo máis xusto, porque se nos tocan a un, tócannos a todos!

Lembra: sen loita non hai dereitos, entre todos, faremos valer a xustiza social fronte a quenes se atreven a explotar dunha forma tan salvaxe

Contra a explotación: UNIÓN, ACCIÓN, AUTOXESTIÓN!!