[22/05/2022 – 10:00] PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “EN TODAS AS MANS” EN RIBADELOURO-TUI

EN TODAS AS MANS

A CNT-VIGO en colaboración coa Asociación de Veciños de Ribadelouro, convídavos a proxección do documental “En todas as mans” do colectivo TRESPÉS, dirixido por Diana Toucedo, documental que fai un repaso polas orixes e características dos montes comunais, especialmente nos últimos trinta anos, cando se reivindicaron e recuperaron.

Esta forma de titularidade asenta as súas raíces nunha concepción colectiva do territorio, e fai parte do patrimonio cultural galego, pois os montes en mancomún son formas de titularidade de orixe xurídica xermánica, un uso legal que chegou a Galicia e ao norte de Portugal hai mil anos, e que en moi poucos lugares do mundo se practica de xeito semenllante: Fronte a propiedade pública ou privada, este xeito de xestionar o territorio non supón ser propietario, senón usufructuario, dereito de uso e xestión.

O monte en mancomún non se pode vender, nen parcelar. Galicia conta con aproximadamente 3000 comunidades de montes en mancomún, que xestionan perto de 700.000 ha de territorio galego, o que representa 29,85 % da superficie forestal. A titularidade comunitaria implica na xestión do territorio unha parte considerábel da poboación, na volta de 150.000 comuneiros e comuneiras.

O documental analiza non só a importancia económica dos montes, para o desenvolvemento rural, a conservación do entorno e a fixación de poboación nestes lugares, senón outros aspectos sociais, humanos e democráticos: “Queremos construír un relato colectivo das diferentes comunidades, de distintas xeracións, de homes e mulleres, queríamos amosar as persoas que estaban detrás da xestión dos montes, que é para eles o monte e reflexionar con eles sobre o futuro. O feito de celebrar asembleas, de tomar entre todos decisións sobre o espazo que nos rodea, vai formando un espírito democrático, axuda a rexenerar a propia realidade cotiá destes ámbitos”,

Dende os movementos de recuperación do monte, a finais dos setenta, “fixéronse cousas moi importantes, pero tamén hai moitas sombras, e ameazas para esta forma de xestión do territorio”. Con todo, prefire salientar os aspectos positivos: “hai cousas positivas, sobre todo dende unha perspectiva de futuro, como a incorporación da xente nova ás xuntas reitoras, que achegan outros discursos na cuestión do monte, fora do tradicional discurso sobre os beneficios económicos, como o discurso social ou medioambiental. Tamén é importante a incorporación de mulleres ás xuntas directivas”.

DIA 22/05/22 ÁS 10:00 NA CULTURAL DE RIBADELOURO, ENTRADA DE BALDE