CANDO AS ONDAS TORNAN EN TORMENTAS (CNT-Vigo vs CNT-CIT)

 

Hoxe é un día no que a traizón e o cinismo mostran a súa cara máis noxenta. O sindicato que aínda se fai chamar CNT-CIT, unha organización que hai tempo abandonou os principios fundacionais do anarcosindicalismo, ten a ousadía de denunciar ante o xulgado de lo social da Audiencia Nacional a 18 sindicatos históricos que levamos no noso ADN a verdadeira loita obreira. Esta demanda mercantil, na que pretenden reclamarnos 50.000 euros e arrebatarnos o uso das nosas siglas, non é máis que un acto desesperado de quen, afastados do ideario libertario, se aferran á burocracia e ao legalismo para tentar esmagar o que non poden controlar.

Pero NON o conseguirán!. As siglas da CNT pertencen ao pobo traballador, non ás súas maquinarias burocráticas nin ás súas direccións verticais. Pertencen a todas as loitadoras e loitadores que deron o seu sangue e suor nas fábricas, nos campos e nas rúas, defendendo os ideais de liberdade, xustiza e emancipación. Non pertencen a quen converteu a organización nun aparato máis do sistema que di combater, a quen agora busca enriquecerse coa venda dos locais históricos que foron construídos co esforzo e sacrificio de todos os afiliados dos sindicatos que hoxe denuncia. Queren desposuírnos non só das nosas siglas, senón tamén do noso patrimonio colectivo, vender os locais que son propiedade de toda a clase traballadora organizada. Non lles importa o legado dos que loitaron e incluso morreron, só os seus intereses mesquiños.

A CNT-CIT hoxe é a sombra do que foi. As súas accións son a proba de que perderon o rumbo, alienados polos valores do capitalismo que din combater. En vez de combater o inimigo de clase, dirixen os seus ataques contra quen seguimos fieis aos principios do anarcosindicalismo: a acción directa, a autoxestión e o apoio mutuo. Para nós, estas siglas son moito máis que unha marca rexistrada ou un nome legal. Representan a loita histórica pola liberación da clase traballadora e o rexeitamento de todo poder centralizado.

Este intento de mercantilizar a nosa loita é unha manobra que tenta disfrazar o seu propio fracaso. Unha organización que xa non representa aos traballadores, que se desviou cara á burocracia e o autoritarismo e que xoga o mesmo xogo do sistema que pretende cambiar, non é digna das siglas que usa. Nós, pola contra, seguiremos defendendo os valores do anarcosindicalismo, porque a nosa loita non se compra nin se vende. Non cederemos ante quen pretenden converter en mercadoría o que sempre foi un instrumento de liberación.

Non só pretenden roubarnos as siglas e os locais, senón que tentan silenciar a nosa voz coa ameaza de facernos pagar unha débeda desmesurada de 50.000 euros a cada un dos 18 sindicatos demandados. Pero nin con demandas, nin con ameazas económicas, nin con persecucións xudiciais lograrán deternos. Sabemos quen somos, sabemos o que defendemos, e non nos dobraremos ante quen busca a nosa ruína.

O camiño do anarcosindicalismo é a loita constante contra toda forma de opresión e explotación, e iso inclúe as tentativas de quen, dende dentro do movemento, traizoan os seus principios. As siglas da CNT non pertencen a ningún grupo de oportunistas. Pertencen á clase obreira e á súa loita histórica, e por elas loitaremos ata o final.

A nosa resposta é clara: non nos calarán. Seguirémolo facendo baixo as bandeiras que herdamos dos compañeiros que nos precederon. A súa demanda mercantil non nos deterá, porque o que está en xogo non son só unhas siglas ou unha cantidade de diñeiro: o que está en xogo é o futuro da loita pola emancipación da clase traballadora.

Denunciamos abertamente este acto de covardía, esta traizón aos principios libertarios, e reafirmamos o noso compromiso con todos aqueles que loitan polos valores da solidariedade, da acción directa e do apoio mutuo. Non nos deterán, non nos silenciarán, e nunca venderemos a nosa dignidade nin a nosa historia.

 

Contra o mercantilismo, a corrupción e o abuso de poder, máis anarcosindicalismo!

Adiante sempre!

Ata o trinfo total da clase traballadora!!

Saúde, loita e anarquía!

CNT-Vigo